PETROULHEADS

The Galician Job

THE GALICIAN JOB

 

Como puidestes comprobar nos nosos reportaxes, o máis importante non é a potencia, nin o tamaño nin o rendemento, buscamos vehículos con identidade e historias propias como xa demostraron os pequenos Seat 600. Hoxe presentamos un coche que, a pesares de compartir nacionalidade con marcas como Jaguar ou Aston Martin, é o que mellor representa a historia do Reino Unido. O humilde utilitario fíxose cos corazóns non só dos británicos se non de usuarios de todo o globo converténdose en todo un icono mundial xunto o Fiat 500 ou o VW Escarabajo.

Aínda que o nacemento deste coche vén dunha mestura de necesidade dunha nación e do enfado dun home, concretamente Leonard Lord, presidente de British Motor Company, ao que non lle gustaba o camiño que estaba tomando o parque automobilístico do seu país, xa que coa crisis de Suez de 1956 no Reino Unido limitáronse os subministros de gasolina, o que paralizou completamente a venda de coches grandes. A tendencia nas illas británicas era comprar os famosos coches burbulla alemáns coma o BMW Isetta, que eran pequenos e con consumos baixísimos. Ademais en 1957 lánzase o Fiat 500 que tamén foi un éxito no Reino Unido pero a Leonard Lord non lle gustaba a idea e quería ter un vehículo totalmente británico que solventase todos eses problemas ocasionados pola crisis do combustible. Lord ordenoulle o proxecto a Alec Issigonis, antigo enxeñeiro de BMC que foi repescado para ese proxecto. Tiña que facer un coche que non medise máis que unha caixa de 3 x 1,2 x 1, 2m e que o espazo dos pasaxeiros tiña que ocupar 1,8m dos 3m do largo do coche. Lord aprobou o deseño final en 1957.

Este vehículo ten un longuísimo historial de fabricación, no que transcorren 7 xeracións de Mini orixinal, lonxe queda o Mini da primeira versión manufacturada no Reino Unido en 1959 da última unidade, a sétima xeración, que saía de produción no ano 2000 despois de ser protagonista do cambio de industrias en medio mundo tras case medio século. Os nosos tres Minis de hoxe están incluídos na terceira xeración producida entre 1969 e 1976.

A paixón por este pequeno vehículo británico traspasou as fronteiras das illas e chegou a medio mundo. Os nosos protagonistas son o claro exemplo, eles son David, Suso e José Manuel, cuxos vehículos son do ano 1973. David compraba o seu en 2002 o que endulzaba a vista de Suso e José Manuel e levaríaos a adquirir os seus cerca de 2013. Os tres coches acabarían sendo restaurados en Porriño por un bo amigo deles.

A adquisición como adoita pasar nestes casos non foi doada. David, o dono do que está como di el “máis Racing”, o laranxa, quizás coa historia máis longa, estaba dado de baixa. Estivo abandonado durante uns 20 anos. Conseguiu rehabilitalo en tráfico e repintalo do verde orixinal co que viña. Todo esto na súa primeira restauración, logo sería levado ó seu estupendo estado xunto cos outros dous. José Manuel obtiña o seu Mini azul en Carballeda de Ávia en estado abandonado e como resultado de anos nunha autoescola. Por último Suso, o dono do clásico vermello e o que máis de serie se encontra, adquiríao en A Coruña coa carrocería ó descuberto a un piloto de rallies da zona.

Ningún deles se arrepinte de compralo. Eso si, hoxe compraríano feito porque, inda que a adquisición de pezas non foi un problema xa que séguense a fabricar repostos para estes vehículos, a toma de decisións e os tempos de restauración foron os maiores quebradeiros de cabeza.

Cando planearon que motor levaría este coche, a condición de BMC era que o motor empleado tiña que ser dun modelo existente Morris Minor que tiña 948cc, pero decidiron reducilo a 840cc debido a que consideraban que o motor máis grande tiña demasiadas prestacións para o concepto de vehículo que tiñan pensado. Esto deixou ó primeiro Mini con 33CV. Inda que pouco despois engadiríanse máis motorizacións sendo os máis destacados o 998cc e o 1275cc. No referente á suspensión, como método de aforro de espazo, no lugar dos convencionales muelles usaba conos de goma compactos, que ademais absorbían un pouco axudando á amortiguación. Á súa vez, o coche foi ensanchado para darlle máis estabilidade, todo esto dáballe ó vehículo o seu característico comportamento similar a un Kart, o que lle deu fama a nivel deportivo. O preparador “GLD” encargouse da preparación dos motores dos tres protagonistas deste reportaxe, o que facilitou moito a labor de restauración.

O Mini demostrou as súas aptitudes ruteiras en competición a varios niveis, pero en particular o Rally de Montecarlo foi o que deu verdadeira fama a este icono con rodas. De feito, a axilidade dos Cooper S levoulle a gañar nos anos 64’ e 67’ contra rivais infinitamente máis potentes. Sen embargo, as vitorias non foron o único destacable, no 66’ tres Minis acadaron o final do rally ocupando os tres postos de podio, pero unha cuestionable descualificación polo tipo de lámpadas que montaban deixounos fora da competición. Por outro lado, Pat Moss e Ann Wisdom no ano 1962 leváronse a vitoria feminina os mandos dun destes modelos.

Un amigo de Alec Issigonis era John Cooper, o agora lenda da Formula 1 que decidiu exprimir todo o potencial do Mini e deseñou un coche homologable para o Grupo 2 de Rally, esto foi un éxito rotundo. Ata chegar ós nosos días onde estes dous homes seguen unidos e significan moito para calquera afeccionado a este mundo.

Nun total de 41 anos e baixo un sinfín de marcas vendéronse case 5 millóns e medio de Minis, un coche que conquistou o mundo coa súa aparencia humilde. De este coche existen diferentes versións coas súas respectivas historias, as dos nosos tres protagonistas son historias con final feliz xa que tanto a David, Suso e José Manuel pódeselles ver felices cos coches que lle entusiasman. Despois de todas as dores de cabeza que da unha restauración, todo merece a pena, como nos puideron contar eles. Pola nosa parte solo podemos dicir que os tres encóntranse nun estado envexable e gustaríanos que calquera dono os tratase tan ben como eles tres tratan os seus.

Next Post

Leave a Reply

© 2020

Iconos diseñados por SimpleIcon desde www.flaticon.com con licencia CC 3.0 BY
Iconos diseñados por Freepik desde www.flaticon.com con licencia CC 3.0 BY

Nuestros Patrocinadores: