PETROULHEADS

Lancia Beta

Lancia beta

 

Din que das grandes dificultades nacen grandes lendas. Esta é a historia común de como a través das adversidades se pode saír e, inesperadamente, gozar do camiño. A primeira, a de Lancia que, despois de ser adquirida por FIAT no ano 1969, correu o risco de perder a súa autonomía creativa debido a que en anos anteriores tiña balances negativos polo seu alto custo de fabricación. O Beta, xa baixo a tutela de FIAT, foi a aposta por un vehículo que non só era economicamente viable, senón que supuxo un cambio de aires na filosofía da marca. A segunda, a de Manuel Ángel, o dono do Beta Coupé 2000 que presentamos neste artigo e que foi adquirido case por casualidade. De feito foi unha especie de aposta, os innumerables problemas co seu proxecto inicial, un Opel Manta, levaron a que o seu amigo Alejandro Berdayes lle propuxera a venda do modelo alemán, ó que o noso protagonista respondeu que o faría sempre e cando este lle vendera o Lancia Beta que pertencía á súa nai, segundo asegura Manuel: “Nunca poderei agradecerlle suficientemente que accedese á miña proposta e máis aínda tendo en conta que non obtivo beneficios ca venda”

O coupé italiano foi presentado en Frankfurt a principios dos 70s e a súa produción estendeuse dende o ano 1972 ata o ano 1984 con continuas revisións e reedicións. As primeiras unidades foron fabricadas na planta navarra de Lanbaden da man de SEAT nun acordo co goberno español. Montaban motores transversais DOHC de entre 1.3 e 2.0 litros e con carburadores Weber, tracción dianteira, freos de disco nas catro rodas, caixa de cambios desenvolvida en colaboración con Citroën e un chasis moi avanzado para a época que incluía suspensión independente McPherson en ámbolos dous eixes.

Co tempo, Lancia foi actualizando o seu modelo base e xa nos 80s destaca a introdución de inxección nos motores de 2L e,  aproveitando os cambios na produción ca introdución do volante á dereita, lanzáronse os modelos denominados VX, con compresor os cales alcanzaban os 200Nm.

Houbo numerosos rumores sobre a calidade dos materiais usados no coche, falábase de que se facían con metais rusos de mala calidade procedentes de Lada a cambio da construción dunha fábrica da marca rusa por parte de FIAT. No Reino Unido, o coche e a marca sufriron unha gran campaña de difamación acusándoos da súa falta de resistencia á corrosión, o que supuxo o fin das vendas da marca italiana nas illas británicas.

O vehículo que nos ocupa nesta reportaxe demostra que cos coidados axeitados asume o paso dos anos estoicamente.

Da estética pouco se pode dicir que non se vexa nas fotos, é simplemente espectacular. É un vehículo que, visto de serie, podería pasar desapercibido para quen non é afeccionado ó modelo e que, co interese e a meticulosidade coa que o conserva Manu, faise inevitable que teñas que fixar a vista nel cando o ves pola rúa. Todo isto foi conseguido grazas a instalación duns aletíns, os faros supletorios dianteiros coas tapas de HF e Cibié, unha decoración da carrozaría en negros e unhas Braid de catro radios cunha garganta que poñen a guinda a unha estética conmemorativa do Lancia Beta Grupo 4 que deseñaron os italianos para continuar obtendo os bos resultados do Fulvia. Competiu no campionato do mundo nas tempadas 74’ e 75’ pondo os cimentos para a construción dos coches que verían os seguintes trunfos da marca de Turín; referímonos ó Stratos, ó 037 e finalmente ó inconfundible Delta S4 Grupo B.

En consonancia co exterior, debemos facer fincapé no interior. Calquera mínimo detalle está coidado, os reloxos da consola central, as alfombras en vermello coa insignia de Lancia, os asentos Recaro tapizados en branco, o seu icónico volante de tres radios, o pomo metálico de Sparco e o cadro, que aínda que para Manu é “un pouco básico comparado co que a marca italiana acostumaba a facer”, ofrece moitísima información, incluíndo: temperatura de auga, nivel de batería e temperatura e nivel de aceite, neste último caso, sempre e cando o coche se encontre frío e apagado. Detalles que conseguen, no seu conxunto, incluso mellorar o modelo de serie.

A nivel técnico, este coche é un “2000”, aínda que en España a cilindrada foi reducida a 1919,7cm³ para evitar o imposto de luxo do 35% que gravaba os coches que superaban os 1920cm³. Neste caso particular, a mecánica está “a medio gas, priman as sensacións sobre as estatísticas”. A maior fortaleza deste coche, tendo en conta o que Manu nos contou, é o chasis, que foi adaptado a forma de conducir do seu dono “O coche ten que adaptarse ó animal” segundo recoñece el mesmo, encargando para isto unha suspensión Bilstein feita a medida, regulando a altura do coche cunha diferenza de 2mm entre un lado e o outro, seguindo as recomendacións dun ex-enxeñeiro de Lancia, e axustando a converxencia e a caída das rodas.

Non nos preocupa o futuro deste coche, teno asegurado., Aínda que o seu actual dono chegue a cansarse del, algo que parece imposible, o seu fillo de 6 anos, parece estar totalmente namorado do Lancia como recoñece con orgullo Manu: “el é incluso peor ca min, xa cuns dous anos e medio tiña as rodas apuntadas e atopeino no garaxe debaixo dunha delas ó intentar sacalas e, na actualidade, quéixase cando utilizo algunha das pezas de reposto porque así queda sen elas para coidar do Beta cando poida conducilo…”.

Un agradecemento especial meréceo Manuel Ángel, o dono desta xoia, por deixarnos gozar conducíndoo. Por iso, gustaríanos  incluír as nosas impresións tras elo. Sinceramente, poñerse ós mandos dun coche alleo xa impón, pero cando sabes que supera os trinta anos e que está escrupulosamente coidado, esta sensación acentúase aínda máis.

Sen embargo, os nervios pásanse percorridos os primeiros 200 metros: a suavidade e precisión coa que entran as marchas, o voluntarioso que se mostra o motor dende a parte baixa do conta voltas e a soltura coa que o italiano absorbe as imperfeccións do asfalto, fante sentir como se o levases conducindo toda a vida. Ademais, o pequeno habitáculo, o cheiro a gasolina, mesturado co dos materiais do interior, o cadro coa decena de indicadores informando de todo o que é posible e o son puro dun auténtico motor de combustión contribúen a que te decates de que estás ante un auténtico deportivo italiano tralo cal hai una fermosa historia.

Next Post

Previous Post

Leave a Reply

© 2018

Iconos diseñados por SimpleIcon desde www.flaticon.com con licencia CC 3.0 BY
Iconos diseñados por Freepik desde www.flaticon.com con licencia CC 3.0 BY

Nuestros Patrocinadores: