PETROULHEADS

FIAT UNO Turbo i.e.

fiAT Uno turbo

 

titulo noticia petroulheads uno

Seguramente, se botades a vista atrás no tempo até principios dos anos 90 e intentades visualizar os coches que destacaban nos aparcamentos das discotecas das vosas cidades e nos accesos ós tramos de rallyes, viranvos a mente unha morea de “hatchbacks” picantes que compartían unha mesma filosofía: un motor con pouco máis de 100cv asociado a un chasis lixeiro e de corte deportivo que facía as delicias do afeccionados ao automobilismo. Cada marca empregou estes ingredientes a súa maneira, desenvolvendo atmosféricos de gran cilindrada como o Peugeot 205 GTI, o Renault Clio Williams, o Opel Kadett GSI ou o VW Golf GTI; ou ben motores de dimensións máis reducidas pero sobrealimentadas como o Renault 5 GT Turbo, o Fiesta RS Turbo e o noso protagonista de hoxe, que foi a aposta italiana con esta características, o FIAT Uno Turbo i.e.

uno turbo carretera

O utilitario vería a luz no 1985 cun motor 1.3 con inxección electrónica Bosch e un turbo IHI que rendía 105CV. No ano 1988 FIAT incorporou melloras no Uno, introducindo novos materiais, máis equipamento, unha nova caixa de cambios e a adaptación do motor a gasolina sen chumbo. Este modelo foi un sopro de aire fresco para FIAT, que atravesaba unha mala época, vendendo máis do esperado debido ó seu prezo competitivo e as súas grandes prestacións. Era notablemente máis barato que o Peugeot 205 GTI e o prezo era equiparable ó de seu rival máis directo, o Renault 5 GT Turbo, que equipaba carburación e menos equipamento que o Uno Turbo. O vehículo italiano, segundo comparativas da época, amosaba un comportamento semellante ao seu rival destacando lixeiramente no que a freado, dirección e resposta se refire. Había moitas similitudes entre ambos e ó final a elección era cuestión de gustos.

Foron estas, entre outras, as razóns polas que a marca italiana decide lanzar en 1989 o vehículo do noso protagonista, Pablo, que se animou a compralo motivado, entre outras razóns, porque a súa familia tivera unha versión do primeiro FIAT Uno. Esta versión presentada no ano 1989 contaba cun motor 1.4 con turbo Garret T2 que sopraba a 0,8 bares, 0,2 máis que o seu predecesor, cun sistema de inxección Bosch multipunto co que acadaba os 118CV de potencia que, xunto ao seu menor coeficiente aerodinámico, logrado grazas á modernización do seu exterior derivado do FIAT Tipo, que lle permiten superar os 200km/h mellorando as características técnicas do modelo anterior.

motor fiat uno turbo

No caso do de Pablo, os cambios son notables elevando a súa potencia orixinal até os 140CV mediante a substitución do turbo por un de maiores dimensións, unha árbore de levas con maior cruce, unha liña de escape e a optimización da electrónica ademais dun volante de inercia máis lixeiro. Estas modificacións propiciaron que o coche sexa aínda máis reactivo do que xa é de serie. Dinos o seu dono que ten problemas para controlalo cando carga o turbo, a partir das 2500rpm, porque cun lixeiro movemento de pedal o vehículo radicaliza o seu comportamento drasticamente facendo que se volva incómodo viaxar con el por autoestrada. Para mellorar o comportamento, esta unidade conta con amortecedores Koni amarelos e resortes deportivo, así como unhas lamias de maior diámetro procedentes do Lancia Delta HF que son de 14” en lugar das 13” coas que saía o de serie.

No tocante aos mantementos e a fiabilidade, Pablo cóntanos que non tivo grandes problemas, tan só algunha xunta con perdas lixeiras. Pese a elo, procura revisar e cambiar o aceite cada vez que vai o taller e cando lle preguntamos polas variacións que pretende introducir destaca a necesidade de revisar a caixa de velocidades e o embrague que, pese a ser reforzado, non é capaz de soportar o par do motor, facendo imprescindible ser cauto co acelerador. Feito isto, pintarao para deixalo perfecto.

No que se refira á competición, ó non estar involucrada FIAT, poucos eran os que se aventuraban a desenvolver a versión para correr, a diferenza do Renault 5 GT Turbo que foi apoiado pola marca francesa. Pese a elo, competiu como Grupo N dentro das copas do noso país e, como dato destacable, podemos sinalar que Estanislao Reverter participou no Rally Rías Baixas do ano 1986 co fin de testar suspensións e outras melloras para o seu equipo Red FIAT Galicia.

Ó final, como Pablo di, somos coma nenos, só aumenta o tamaño dos nosos xoguetes. Ter a oportunidade de conducir o seu pequeno Uno Turbo por un tramo de montaña no seu tempo de lecer é coma unha válvula de escape. Para el as sensacións que lle transmite un modelo coma este cargado de personalidade no hai ningún cohe moderno capaz de igualalo.

Next Post

Previous Post

Leave a Reply

© 2021

Iconos diseñados por SimpleIcon desde www.flaticon.com con licencia CC 3.0 BY
Iconos diseñados por Freepik desde www.flaticon.com con licencia CC 3.0 BY

Nuestros Patrocinadores: